Dende Silleda, ampliando o ámbito de acción dunha maneira orgánica, crecendo co proxecto.
A acción da Fundación Baiuca Verdescente está destinada a crear unha rede de voluntariado social colaborativo para facer chegar excedentes agrícolas de particulares do Concello de Silleda a familias con baixos recursos ou persoas con mobilidade reducida
O concepto RURAL UP que traballa a Fundación Baiuca Verdescente contempla a cooperación ao desenvolvemento sostible do espazo rural de Galicia e fomenta a diversificación da actividade económica.
Na conxuntura económica actual como consecuencia da crise da COVID-19 consideramos que hai un desaxuste entre excedentes agrícolas particulares e necesidades alimentarias de produto fresco e de calidade polas familias con baixos recursos.
A nosa Fundación pretende ofrecer a través da súa rede de persoas voluntarias unha resposta a estas necesidades co obxectivo de contribuír a un equilibrio económico sen prexuízo para a economía agraria local
A Miña Horta é a Túa” é un proxecto vivo e estacional, de xuño a outubro, e contará con dúas fases, unha en 2020 con voluntariado local, e outra en 2021, con voluntariado local e internacional do ámbito da Unión Europea. O proxecto conta cun Equipo de Coordinación para organizar persoas voluntarias e hortas particulares e para organizar as labores de recolección, catalogación e reparto de víveres e tamén para establecer convenios con empresas do transporte e da embalaxe.
Este mesmo equipo elaborará un mapa de acción para actuar de forma eficiente tanto dende o punto de vista económico como ambiental, minimizando ao máximo os desprazamentos do persoal voluntario, primando o principio de proximidade.
A través da firma dun convenio con Servizos Sociais do Concello de Silleda, definiranse os detalles de clasificación, adxudicación e distribución dos alimentos ás familias acollidas no programa.
Os obxectivos xerais: Inclusión e integración social. Combater a desigualdade e lograr a accesibilidade en produtos frescos e de calidade de primeira necesidade por parte dos sectores poboacionais desfavorecidos. Crear rede de voluntariado. Poñer en valor a pequena explotación no agro galego. Axudar na recolección ás persoas propietarias de hortas particulares. Dar saída a excedentes agrícolas particulares
Elaborarase un documento de boas prácticas para compartir aqueles aspectos do proxecto que poidan resultar inspiradores ou de utilidade para outras entidades voluntarias. Todas as persoas voluntarias reciben formación en materia de voluntariado, horticultura básica e igualdade no voluntariado.